Ciadella 2020: a industria téxtil

        Aínda que escasos, atopamos na campaña de 2020 algúns materiais relacionados coas actividades téxtiles. As dúas pezas que vinculamos con estes traballos son unha fusaiola e unha pesa de tearAmbas pezas proceden de contextos superficiais ou limpezas, polo que non podemos relacionalas claramente con algún momento de ocupación do xacemento. 

        A primeira delas, a fusaiola, está labrada nunha pedra branda. Unha das caras é plana, mentres que a outra é abombada; esta forma troncocónica é relativamente habitual entre as fusaiolas. A cara plana está decorada con tres incisións circulares en torno á perforación central. A súa función é a de actuar como peso na parte inferior dos fusos cos que se trenzan as fibras animais ou vexetais para conseguir fíos. Habitualmente están feitas en cerámica ou pedras brandas e teñen forma discoidal, trapezoidal, troncocónica ou abombada. 

        O pondus ou peso de tear está feito en cerámica. Conta cunha forma trocopiramidal e unha perforación na parte superior. Está feito con arxila, moi similar á que podemos ver no material construtivo do campamento (tégulas e ladrillos). Non presenta outras marcas ou decoracións. No tear vertical, a cada fío do urdido átase un peso como este (de aí a perforación da parte superior) para mantelos en tensión mentres se pasan os fíos da trama para configurar a tea. 

Comentarios