O campamento militar romano de Ciadella

  • As escavacións arqueolóxicas no campamento centráronse até o momento no sector central, denominado latera praetorii, localizado ao norte da via principalis. Esta era a rúa central do campamento, que o atravesaba de leste a oeste, dende a porta sinistra á dextra. Nos latera praetorii aparecen, no plano "tradicional ideal" dos campamentos romanos, os horrea, os principia e o praetorium.
O campamento romano de Ciadella é un recinto rectangular, cunhas medidas de 178 m de lonxitude por 148 m. de anchura. Esta estimación está baseada nas recentes intervencións, especialmente nos sectores oriental e meridional da muralla. Esta muralla, tradicionalmente coñecida co nome de A Cerca, foi empregada como canteira para a extracción de pedra como material construtivo das edificacións da contorna, o que dificulta a estimación das súas medidas exactas. No entanto, na intervención de 2016, levada a cabo pola empresa "Terra Arqueos" púidose mesurar o ancho orixinal que alcanza aproximadamente os 3 m. de anchura cun recheo a base de pedras e terra. Grazas a estas derradeiras intervencións coñécese tamén o foxo que protexía o campamento, en forma de V e escavado na propia rocha natural consérvase visible en dúas sondaxes feitas no paramento leste do recinto.


No interior deste recinto defensivo, as escavacións até o momento centráronse no sector central, que recibe o nome de latera praetorii, localizado ao norte da via principalis. Esta era a rúa central do campamento, que o atravesaba de leste a oeste, dente a porta sinistra á dextra. Nos latera praetorii  aparecen, no plano “tradicional ideal” dos campamentos romanos, os horrea, os principia e o praetorium

O edificio central do conxunto sempre son os principia, un edificio multifuncional onde se gardarían as armas, o diñeiro dos salarios, onde se realizaría o culto da Unidade militar e se levarían a cabo outras tarefas relacionados coa administración. No campamento de Ciadella identifícase o chamado “Edificio 3” como os principia.

Ao oeste deste, aparecen en Ciadella os “Edificios 1 e 2”. Segundo o plano doutros campamentos, este espazo estaría reservado para os horrea (ou algún almacén semellante).

Os horrea caracterízanse polas pilastras sobre as que se levanta o seu chan, que serve de protección para o gran ou outros produtos para a alimentación dos militares como ben pode observarse na foto inferior tomada no campamento de Aquis Querquennis no Concello de Bande (Fotografía: Santiago Ferrer). Estas pilastras non se documentaron na zona escavada do Edificio 1-2, nin tampouco as típicas estruturas rectangulares reforzadas destes “horreos” romanos polo que a hipótese debruzada na actualidade é de que este espazo fose a tal despensa da cohors, parece hoxe descartada.

Se nos movemos cara o leste do principia, ao carón da porta sinistra, atopamos os chamados “Edificios 4 e 5”, identificados tradicionalmente co praetorium ou residencia do “comandante” da cohors. Recentemente, esta hipótese está desbotada, xa que a división interna dos edificios non parece corresponderse coa que presentan normalmente estes edificios noutros campamentos. De cote son auténticas casas romanas, cun peristilo que organiza o espazo interior e incluso cunhas pequenas termas privadas. 

Queda, polo tanto, determinar a funcionalidade concreta destas estruturas coñecidas como Edificios 1-2 e 4-5. Un dos obxectivos desta campaña (2020 – UVigo e Xunta de Galicia) será a de coñecer a planta completa e a funcionalidade do sector ao oeste do principia, o coñecido como “Edifico 1-2”.

Os sectores meridional (praetentura) e setentrional (retentura) do campamento permanecen polo momento sen escavar. Dúas sondaxes efectuadas no sector setentrional por M. Caamaño en 1981 e M. Caamaño e Ramil no 2010, confirman a existencia de estruturas nesta zona, pero non aportan moitos datos sobre a funcionalidade das mesmas. Estas áreas poderían estar ocupadas polos barracóns dos soldados, o hospital ou valetudinarium, establos para os cabalos ou outros animais, almacéns, zonas artesanais... como os coñecidos noutros xacementos de igual tipoloxía ben estudiados no limes británico (na foto inferior recreación ideal do campamento de Housesteads). Porén para coñecer a realidade destes espazos fará falla esperar a novas escavacións arqueolóxicas.

Comentarios