O reducido número de sepulturas recuperadas ata o día de hoxe no xacemento de A Ciadella mostra certa homoxeneidade no relativo ao tipo de estruturas que a xente que habitaba na contorna escollía para o descanso final do seus seres queridos. Tumbas en foxa, máis ou menos delimitadas, son o tipo máis repetido, tanto no caso de enterramentos adultos, coma nos posibles enterramentos infantís. Sen embargo, entre este pequeno repertorio destacan dúas sepulturas de fábrica diferente, ambas achados antigos, que non se conservan na actualidade no lugar no que foron atopadas.
Trátase de dous sartegos en pedra -probablemente granito en ambos casos-, un deles para una persoa adulta e outro para un infante.
Sartego infantil
Localizado nas inmediacións do sector de enterramento máis amplo, non ocupa
sen embargo a mesma estancia que o resto das tumbas, senón que se situaba nunha
habitación anexa, aínda que respectando a orientación marcada polas outras
sepulturas. Descubriuse durante as escavacións de 1997 (Costa García, 2013:
119), trasladándose posteriormente por motivos de conservación e seguridade á
futura aula de interpretación do xacemento.
Trátase dun monólito de pedra rectangular, no que se tallou o perfil do defunto, conferindo ao espazo destinado a albergar o corpo unha forma antropomorfa. Neste tipo de sartegos destaca principalmente o traballo do contorno da cabeza e dos ombros, namentres o resto do corpo se perfila cun contorno fusiforme, no que o espazo se estreita segundo se aproxima a zona dos pés. Cabe destacar a ausencia de decoracións neste sartego, non recuperándose tampouco restos da súa cuberta ou dunha posible lauda.
Sartego adulto
Poucos son os datos que se conservan deste sartego, descuberto no ano 1934,
durante as escavación de Ángel del Castillo. A súa localización resulta tamén
incerta, sospeitándose que podería ter sido recuperado nas proximidades da
tumba localizada no Edificio 4 (Costa García, 2013: 118-119), no entorno da
estrutura identificada como igrexa. Apenas se conservan rexistros gráficos do
mesmo, a excepción dalgunha fotografía do momento do achado, atopándose a día
de hoxe a sepultura en paradoiro descoñecido.
Atendendo a estas imaxes, trataríase dun sartego rectangular en pedra, monolítico, destinado a un individuo adulto, presentándose o seu perfil interior tamén rectangular. Descoñecese se no momento do seu descubrimento conservaba restos da cuberta ou se no seu interior se atopou algún tipo de restos óseos. Ademais, debido a súa incerta localización, descoñecese que relación podería gardar coa outra sepultura recuperada neste sector do cemiterio.
Comentarios
Publicar un comentario