- A figura de Ángel del Castillo López é unha das máis sobranceiras para a cultura galega do seu tempo e, co decurso do mesmo, mutaría xa nun persoeiro "clásico", un fondo polígrafo e home dun elevado espírito engarzado coa súa terra da que nada lle foi alleo, da que todo lle interesaba.
Ángel del Castillo nun retrato
realizado polo pintor Sotomayor (Fonte: Museo Belas Artes Coruña)
|
Afrontando o tramo final desta nova intervención arqueolóxica no campamento de Ciadella, pretendemos traer á lembranza a un dos pioneiros investigadores deste importante xacemento que aínda hoxe tanto nos revela en cada día de traballo.
Naceu na Coruña un 24 de xaneiro do 1886. Moi cedo conságrase en corpo e alma ao estudo e comeza a súa carreira de docente como profesor particular, na Academia Politécnica ou no colexio coruñés Dequidt, no que bota vinte e seis anos. Porén, non iniciaría unha carreira universitaria, a de Filosofía e Letras (Sección de Historia), até cumpridos os corenta anos. Non entanto, comezou a publicar artigos sobre arte en idade moi temperá e, así mesmo, vinculouse coa Real Academia Galega dende a súa fundación en 1905 como membro adxunto para pasar a ser Académico Correspondente en 1908 e xa de Número en 1927. No boletín desta academia espallará a meirande parte das súas pescudas. É habitual velo asumir diferentes e numerosos cargos sendo parte de organismos e institucións relevantes como o Seminario de Estudos Galegos ou, no ámbito arqueolóxico, membro da Associação dos Arqueólogos Portugueses e, cara o final da súa vida, correspondente do Deutsches Archäeologisches Institut.
Ángel del Castillo remata a carreira en 1926 con Premio Extraordinario, e deseguido a complementará coa de Arquivos e Bibliotecas, examinándose en Valladolid. A súa actividade é frenética: pronuncia conferencias, publica asiduamente e desenvolve un traballo constante na catalogación da arte e os monumentos galegos. Del Castillo asemella varios homes realizando outras tantas funcións. Nas verbas do seu mellor biógrafo, Filgueira Valverde: “[...] ordenó archivos, dirigió museos, organizó exposiciones, presidió coros, comisiones, patronatos y academias, actuó en congresos, gobernó una provincia, pero en ningún momento abandonó la tarea de conocer y dar a conocer su tierra”. Foi un iniciador na recollida de datos e o traballo de campo máis un constante divulgador do patrimonio galego. Non está de máis lembrar as complicacións deses tempos para percorrer Galicia polos seus propios medios, fornecéndose dunha documentación exhaustiva con apuntamentos, debuxos e moitas fotografías, na época de cando unha foto ben merecía pensar a súa tirada máis de dúas veces. Entre os moitos recoñecementos que recibiría Ángel del Castillo lembramos aquí o de fillo adoptivo do municipio de Sobrado dos Monxes, en 1931. Merecido nomeamento debido ao alto número de traballos dedicados a este concello, en especial ao seu mosteiro e ao xacemento de Ciadella.
O froito de tanto traballo viuse reflectido nunha liña divulgativa que abrangue centos de artigos repartidos en revistas, xornais, folletos e outras plataformas. A temática do mestre é variada dando prioridade ás páxinas dedicadas á arte e a arqueoloxía. Fala de arquitectura cristiá preocupándose moito pola descrición e o estudo das igrexas e cenobios espallados polo país. Investiga polo miúdo as diferentes fortalezas e publica un variado catálogo de pezas nas súas notas arqueolóxicas. Del Castillo perfílase como un brillante epigrafista, sobre todo medieval; é referencia no estudo do graal do Cebreiro e autoridade indiscutible sobre a historia da Coruña, cidade da que chegou a ser, entre outros varios cargos, director do museo, arquiveiro municipal ou cronista oficial (máis tarde tamén provincial). Un traballo inmenso fortalecido por un profundo gusto pola erudición e un alicerzado amor a Galicia até o seu pasamento en 1961.
Mais se unha obra define o labor deste grande erudito esta sería o Inventario de la Riqueza Monumental y Artística de Galicia, publicado máis de dez anos despois da súa morte pola Fundación Barrié de la Maza e a Editorial de los Bibliófilos Gallegos. Nesta monumental creación comprobamos a hercúlea capacidade de traballo de Ángel del Castillo á hora de dar conta dos xacementos arqueolóxicos, monumentos, poboacións e lugares, artes menores e todo canto dato poida ter interese patrimonial. Desta guía imperecedoira faise reedición en 1987 coa mesma introdución e bibliografía complementaria a cargo de Xosé Filgueira Valverde. Unha última edición veu novamente da man da Fundación Barrié, en 2008, con estudos críticos de Alfredo Vigo e Lois Ladra.
Primeira edición do "Inventario de la riqueza monumental y
artística de Galicia"
|
No tocante ao campamento militar romano de Ciadella, unha acaída frecha “cupidiana” namoraría ao noso protagonista. O seu traballo viuse escurecido pola desaparición de moita da documentación que o propio del Castillo procurara do xacemento. A José Manuel Costa debemos a mellor aproximación á hora de poder reconstruír a angueira arqueolóxica deste sabio en Ciadella. Así mesmo, neste mesmo blogue facilitouse unha entrada sobre as investigacións históricas levadas a cabo no lugar: https://ciadella2020.blogspot.com/2020/03/e-antes-de-nos-breve-historia-das.html
Tras a Guerra Civil o silencio envolve ao xacemento, del Castillo acusa o seu republicanismo e tan só dispoñemos de dúas mencións acerca do achado dun novo epígrafe en 1938 e dunha lucerna de bronce en 1939. Non entanto, sabemos que o ilustrado coruñés era meticuloso na súa documentación persoal, parte dela consérvase no museo da Coruña depositada pola familia deste; máis a meirande parte desapareceu ao igual que moitos dos materiais rescatados nas escavacións. Na actual intervención as pegadas destes inicios arqueolóxicos aprécianse con distancia e certa nostalxia reflectida en vestixios como os envases de bebidas da época, un vello zapato ou a conserva dunha fragrancia no seu cristal.
Xunto ás primeiras intervencións realizadas polo médico J. Martínez e o sacerdote Benigno Cortés súmanse as achegas de C. García Romero, R. Balsa de la Vega e outros nomes para poñer no mapa e espertar o interese intelectual do enclave. Ángel del Castillo visita o lugar en 1916, pronto o seu aguzado instinto faille sospeitar que o sitio podería ser os restos dun campamento militar romano vinculado á expedición de Décimo Junio Bruto pois así o insinuaba a morfoloxía das estruturas conservadas e os restos materiais. Esta teoría sería apoiada polo afamado arqueólogo alemán Adolf Schulten que visita o xacemento en 1930. Isto dá pulo a del Castillo para promover a intervención arqueolóxica no lugar, anunciada no boletín da RAG en 1931 e iniciada en 1934. Xunto a el abandeiran a intervención Ciriaco Pérez Bustamante e, sobre todo, a gran figura de Sebastián González García-Paz, exiliado tras o alzamento nacional a Puerto Rico onde desenvolveu unha brillante carreira académica.
Dende aquí prodúcese un baleiro na información das escavacións. As dúas novas das que dispoñemos extráctanse do xornal La Voz de Galicia nos anos 1934 e 1935. Guiados polas fotos podemos albiscar dous sectores de actuación principais: un correspondente ao latera praetorii , o denominado “sector Castillo”, e outra zona situada nos lenzos N e L da muralla perimetral romana. Tamén se escava unha torre de intervalo do lenzo L e os restos doutra esquinal localizada no vértice L. Entre os achados producidos nestes primeiros tempos destacaría o realizado polo campesiño Manuel Pardo López en 1929, consistente nunha fermosa figura en bronce dunha Minerva atopada nas inmediacións do campamento. Filgueira Valverde refire a querenza que del Castillo profesaba por esta peza: “Se decía entonces que la preciosa Minerva de bronce que había hallado en Cidadela y que tenía depositada en nuestro Museo , registraba sus sinsabores (-«Filgueira embáleme la Minerva»)”.
Minerva de Ciadella
|
Tras a Guerra Civil o silencio envolve ao xacemento, del Castillo acusa o seu republicanismo e tan só dispoñemos de dúas mencións acerca do achado dun novo epígrafe en 1938 e dunha lucerna de bronce en 1939. Non entanto, sabemos que o ilustrado coruñés era meticuloso na súa documentación persoal, parte dela consérvase no museo da Coruña depositada pola familia deste; máis a meirande parte desapareceu ao igual que moitos dos materiais rescatados nas escavacións. Na actual intervención as pegadas destes inicios arqueolóxicos aprécianse con distancia e certa nostalxia reflectida en vestixios como os envases de bebidas da época, un vello zapato ou a conserva dunha fragrancia no seu cristal.
“Las autoridades presidiendo la
fiesta”, coa presencia de A. del Castillo (Fonte: RAG)
|
Para saber máis:
- Caamaño Gesto, J. M. (1984). Excavaciones en el campamento romano de Cidadela (Sobrado dos Monxes. Coruña). Memoria preliminar de la campaña de 1981. NAH 18: 233-254.
- Del Castillo García, C. (1969). “Don Ángel del Castillo López. Datos más importantes de su vida y obra”. Abrente 1: 15-51.
- Del Castillo, A. (1972). Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia.. (Vol. 3). Edit. de los Bibliófilos Gallegos. (Reeditada en 1987 e 2008).
- Filgueira Valverde, X. (1976). “Del Castillo López, Ángel”. S. Cañada (Ed.), Gran Enciclopedia Gallega. Santiago de Compostela. T. V, 223-224.
- García, J. M. C. (2013). “Las primeras intervenciones arqueológicas en A Cidadela (Sobrado dos Monxes, A Coruña)”. Gallaecia, (32), 109-127.
Comentarios
Publicar un comentario