E antes de nós? Breve historia das investigacións en Ciadella

  • Máis dun século de investigacións no lugar. Dende a interpretación dunha casa de estilo pompeiano á identificación de Ciadella como un campamento de expedición de D. Junio Bruto na conquista da Gallaecia ou unha mansio viaria.  
A primeira mención á existencia dun xacemento arqueolóxico romano no lugar de Ciadella, atopámola nunhas cartas de Benigno Cortés, onde indica que acometera no sitio varias escavacións. Como consecuencia das mesmas foron localizadas "lápidas, unha vía e ruinas dunha casa de estilo pompeiano". 

En febreiro de 1909, C. García Romero escribe a Manuel Murgía, presidente da RAG naquel momento, para falarlle da aparición de diversos elementos materiais que relaciona cunha “estación romana desconocida, que tiña atopado durante as súas visitas a Ciadella en 1907. Propoñía a súa identificación como unha mansio viaria, Caranico, que o Itinerario de Antonino situaba no camiño entre Brigantium  e Lucus

R. Balsa de la Vega afonda na singularidade do xacemento apostando por identificala como unha auténtica cidade e non como mansio, a xulgar polos restos atopados. Entre outros, comenta a aparición de obxectos metálicos, cerámicos ou epígrafes, entre os que destaca a estela de Iulius Severianus. Igualmente, deixa escrito que J. Martínez, médico de Curtis e propietario dos terreos, tiña realizado xa algunhas catas no xacemento. 

Malia a todas estas actuacións sobre o xacemento non será ata a chegada ao lugar de Á. Del Castillo cando se acometan as primeiras intervencións arqueolóxicas sitemáticas. Sendo este precisamente quen presente por vez primeira a posibilidade de vincular Ciadella cun campamento militar de época romana

Será Á. Del Castillo quen despois de visitar o lugar en 1916 comece a barallar a posibilidade de que Ciadella agoche en verdade os restos dun campamento militar de época romana

A hipótese de Á. Del Castillo fundaméntase na configuración rectangular do recinto, a existencia de murallas con esquinais redondeados e a análise de varios obxectos vinculados ao mundo militar romano. Teoría reforzada anos despois por A. Schulten, quen visitaría o lugar no ano 1930 convidado pola Comisión Provincial de Monumentos da Coruña. Apostando o prestixioso arqueólogo teutón por identificar Ciadella cun campamento de expedición de Décimo Junio Bruto. 

En 1934, Á. Del Castillo coa colaboración de Sebastián García Paz, comezan as primeiras escavacións sistemáticas no xacemento. Priorizando a actuación nas edificacións centrais do campamento (posteriormente identificadas cos principia) e no esquinal norleste da muralla. Traballos que terían o seu eco mediático en varios artigos publicados no xornal La Voz de Galicia

Os anos de guerra e posguerra paralizan toda a actividade arqueolóxica no lugar, recuperándose o espazo para labores agrícolas ata que no ano 1981 o Prof. M. Caamaño Gesto situará por fin a Ciadella na axenda científica de novo.

Os traballos do Prof. Caamaño (1981, 1983, 1989, 1990, 1991, 1992, 1993 e 2000), coa colaboración de C. Fernández Rodríguez (1996), centráronse principalmente nas edificacións denominadas como principia e as construcións anexas cara o leste interpretadas como praeotorio

Xa no presente século as escavacións arqueolóxicas sucedéronse baixo diferentes direccións e con distintos obxectivos:
  • No ano 2005 L. Orero Grandal e Y. Álvarez González escavarán o esquinal noroeste da muralla perimetral
  • Entre os anos 2006 e 2010 E. Ramil Rego, coa asesoría científica de novo do Prof. Caamaño Gesto, retoma os traballos no sector oeste dos chamados principia identificando no seu criterio o sector dos horrea, lugares para o almacenamento de gran. Asemade delimitouse o circuíto defensivo e acometéronse diferentes accións de conservación, limpeza e restauro. 
  • No ano 2016 o investigador J.C. Sánchez Pardo acometerá dúas pequenas sondaxes iniciando asemade un período de revisión de paramentos para identificar as diferentes fases de ocupación do lugar
  • En 2017 a Xunta de Galicia promove a escavación e restauración do extremo noroeste da muralla perimetral e a confirmación mediante sondaxes do límite sur do campamento. Estas actuacións, as últimas ata o presente proxecto, son dirixidas por L. Fco. López González. 

Comentarios