- Os traballos de limpeza levados a cabo no xacemento de A Ciadella durante o ano 2020 permitiron identificar e rexistrar algúns dos restos funerarios atopados no xacemento en campañas anteriores, repartidos principalmente en dúas zonas de enterramento diferentes. Ademais, a escavación nas inmediacións destes restos permitiu atopar polo menos catro novas sepulturas, así como varias foxas cunha funcionalidade dubidosa. Entre estes novos achados destaca a coñecida como Tumba 3, localizada nunha das estancias da parte máis oriental do Edificio 1, na que o tempo había preservado restos do cadaleito utilizado para enterrar ao defunto.
Trátase dunha sepultura composta por una
foxa, escavada no terreo, rompendo o pavimento de terra da estancia que
amortiza; que se delimita en parte do seu contorno por pedras fincadas,
utilizando como cabeceira da tumba un dos muros de peche da propia estancia.
Unha tipoloxía que comparte en gran medida co resto de sepulturas, residindo a
súa peculiaridade precisamente na preservación, no seu interior, de restos de
madeira do que podería ter sido un cadaleito. Vestixio que non se recupera en
ningunha outra das sepulturas escavadas.
O uso de cadaleitos ou caixas de madeira
nos enterramentos documéntase no noroeste peninsular polo menos dende a época
romana, coñecéndose o seu uso durante a tardoantigüidade e ao longo da Idade
Media gracias, principalmente, a presenza de cravos ou elementos en ferro no
interior das sepulturas e, máis raramente, debido a presenza de restos
orgánicos como madeira. Este tipo de estruturas podía utilizarse tanto para o
momento final do enterramento, facilitando a deposición do corpo nas tumbas,
como para o transporte do defunto ata o cemiterio, documentándose tipos de
caixas e ensamblaxes do máis variado.
Por todo isto, o descubrimento na Tumba 3
de A Ciadella garda especial importancia, tanto pola recuperación da propia
caixa de madeira –composta por materia orgánica, normalmente non recuperable-,
como pola información que a súa presenza aporta ao estudo e entendemento deste
espazo funerario. Cabe destacar a relativamente boa preservación dos restos de
madeira, que nun primeiro momento, durante a súa escavación, conformaban unha
gran mancha negra, cuns limites bastante definidos. A súa intervención entrañou
certa dificultade, ao descoñecerse a profundidade da mancha e a súa
composición, debendo escavarse con ferramenta fina para evitar a súa
destrución. Durante o proceso foi posible establecer a posición dos distintos
cravos, dos que apenas se conservaban pequenas manchas de óxido vermello, que
poderían ter servido para ensamblar os listóns de madeira.
Tras un detallado rexistro e coa axuda do
equipo de restauración, procedeuse a extracción de parte da caixa, destinada a
realización de analíticas que permitan discernir o tipo de madeira utilizado e
a súa datación. Este proceso deixou a vista unha sección do cadaleito, onde se
puido observar a forma en que a estrutura colapsara sobre si mesma e onde aínda
se podía percibir a trama das madeiras utilizadas.
A presenza do cadaleito no interior da
Tumba 3 fálanos, por outra parte, dos costumes funerarios das xentes que
ocuparon o xacemento de A Ciadella, unha vez que parte de este perdeu a súa
función orixinal e se reconverteu, polo menos parcialmente, nun cemiterio. O
pequeno grupo de tumbas atopadas fala dunha organización do espazo, onde as
sepulturas se colocan ordenadas formando liñas e respectando sempre unha mesma
orientación para a colocación dos corpos. Tumbas nas que os corpos serían
depositados, aparentemente, de forma coidadosa e comedida. Exemplo disto e a
Tumba 3, na que o uso do cadaleito podería indicar a intención de preservar ou
separar o corpo da terra na que vai acabar depositado e que necesariamente
tería que cubrir a tumba. Tamén, a necesidade dun contedor no que transportar o
corpo dende o lugar no que fora velado, trala morte, ata o cemiterio e que
pasaría a formar parte da propia sepultura; ou quizás a intención de cubrir os
restos do falecido durante o enterramento. Sen dúbida, un achado cuxo estudo
aportará un maior coñecemento sobre a etapa funeraria de A Ciadella.
Comentarios
Publicar un comentario